Trátase dun traballo colaborativo por proxectos da aula de Secundaria de Adultos (ESA) do IES de Sabón (Arteixo) no que se realiza un percorrido histórico e literario arredor das personalidades de Manuel Murguía e Emilia Pardo Bazán así como outros personaxes coetáneos seus. O Proxecto está enfocado á utilización da tecnoloxía móbil, m-learnig como porta de acceso á información xa que este tipo de tecnoloxía se achega máis á realidade cotiá na que se moven os alumnos.
O proxecto consta dun almacén de contidos (blog WordPress) que se completa coa xeolocalización utilizando Hoppala e unha app (Layar) que aloxa a capa de información dos POI e a creación dunha revista dixital de Realidade Aumentada con tecnoloxía Layar. Debido á análise e ás características que presenta o alumnado de ESA pareceunos axeitado pór en práctica unha experiencia pedagóxica cuxo obxectivo prioritario era a construción da aprendizaxe dunha forma activa e participativa onde as TIC representan unha nova e interesante formulación que permitirá reconectar co sistema educativo, na procura dunha segunda oportunidade académica e persoal. O esencial deste proxecto colaborativo é implicar os alumnos na busca de información mediante unha escolma crítica e a creación dos contidos incluídos no currículo da ESA, así como exercitar con responsabilidade o compromiso que conleva a toma de decisións individuais e aquelas que afecten a todos como grupo.